18/1/09

NON PASAMOS POLA ALFOMBRA VERMELLA

Unha inoportuna (e moi dolorosa) lumbalxia, da que me estou recuperando pouco a pouco, foi a culpable de que o sábado Carmen e máis eu non puideramos asistir ó estreo mundial en Ribadeo da película "Os mortos van á presa". Foi unha pena porque nesta zona posiblemente tardará moito tempo en verse de novo algo así. Pero, como non se consola quen non quere, polo menos libreime do corte de pasar pola longa alfombra vermella, pois (segundo me contaron varios asistentes) había moita xente para ver, fotografiar e incluso pedir autógrafos a artistas famosos, como Neus Asensi, María Castro, Manquiña, Morris, Antón Reixa e outros.
Ademais dos actores e outros persoeiros populares tamén pasaron pola alfombra vermella o resto dos convidados, entre eles os políticos locais e incluso algún deles posou para as cámaras, como si o seu posado tivese algún interés. Polo que me contaron, foi de moita risa.
Pero todo saiu ben e o director da película, Ángel de la Cruz, quedou encantado, como explicou hoxe nunha entrevista que lle fixen en Onda Cero A Mariña. Entre outras moitas cousas, De la Cruz dixo na radio que o estreo tivo máis repercusión ó facerse en Ribadeo que si o lugar elexido fora unha gran cidade, porque pasaría desapercibido.
Por certo, a película poderá verse nos cines de toda Galicia, e tamén en moitos do resto de España, a partir do 6 de marzo.

No hay comentarios: