9/2/09

NA CORUÑA, GUSTÓ

Como xa avanzou Carmen, o sábado ceamos na Coruña con Cruz e Fernando, que nos levaron a un restaurante da zona vella da cidade, establecemento chamado Gustó. É un local con poucas mesas e carta corta, dos que están agora tan de moda. O sitio é moi agradable, ten un bon servizo e a comida está boa, polo menos a que probamos nós. De aperitivo puxéronnos uns mexilóns en escabeche feitos no propio restaurante e despois tomamos unhas espectaculares ameixas de Carril á plancha e pulpo braseado, que tamén estaba bon. De segundo eu tomei sanmartiño con grelos (moi ben preparado) e de postre, torta de mazá, tamén moi rica. Tamén probei o arroz con bogavante que comeron Carmen e Fernando; non estaba mal, pero non chegaba ó nivel dos arroces que fan na Cofradía, de Rinlo, ou na Oca, en Lugo.
O Gustó é un local moi interesante no que coidan os detalles, porque ata ó pacharán, que tomamos Fernando e máis eu para non perder as boas costumes, era dos que máis me gustan: Las Endrinas.
Durante a cea falamos moito de xornalismo, de xornalistas e de políticos, e na copa de despois tamén. Estivemos a piques de arranxar o mundo do xornalismo e o da política, pero non o logramos. Teremos que facer un novo intento próximamente, pero nese caso será en Ribadeo.

No hay comentarios: