21/4/09

VEN DE VIÑOS

Ven de Viños é un novo establecemento hosteleiro en Ribadeo, que abriu nun local da avenida de Asturias no que xa houbo varios negocios parecidos e non funcionaron. Pero o Ven de Viños parece que si vai polo bon camiño. Estivemos alí tomando un viño o domingo á noite e, como nos gustou a tapa que nos puxeron (calamares en salsa moi ricos), quedámonos a cear a pesar de que o comedor estaba baleiro.
Todo o que probamos (chipiróns fritos, croquetas, navallas, un revolto e zorza) estaba ben preparado. O único que non nos gustou foron as tartas que pedimos de postre, porque tiñan un extrano sabor como a pegamento. Pero tiveron o detalle de non incluilas na conta.
A relación calidade-prezo é boa e a atención tamén. Polo tanto o Ven de Viños é un establecemento tipo mesón que pode funcionar ben.
Saímos máis contentos da cea do domingo que da que tivemos o sábado no Antas de Ulla, de Lugo, restaurante no que estivemos por segunda vez e gustounos menos que a primeira. Non tiñan varios platos dos incluidos na carta, non foi posible pagar con tarxeta porque o aparello non funcionaba e no comedor había un insoportable cheiro a comida, que foi a máis a medida que pasaba o tempo. Eso si, o que ceamos estaba bastante bon. Esperemos que a próxima vez que vaiamos ó Antas de Ulla teñan mellorado o sistema de extracción de fumes da cociña.
Por certo, ceando nunha mesa que estaba ó lado da nosa vimos a Juan Prada, pintor segoviano afincado en Lugo dende hai moitos anos que ten varios cadros colgados nas paredes dese restaurante e que foi entrenador de baloncesto en equipos como o Breogán e o Ribadeo.

No hay comentarios: