12/12/13

RALLY NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Reproduzo aquí un artigo meu que foi publicado recentemente nos principais medios de comunicación da Mariña lucense:

Pola rúa Deputación, de Ribadeo, pasa a ruta Norte do Camiño de Santiago, o que supón diversos problemas para os propietarios de vivendas, sobre todo á hora de facer obras nas casas. Pero ten outras consecuencias aínda máis negativas, sobre todo dende que se arranxou este vial estreito, pois quedou sen beirarrúas e coa zona establecida para os peóns á mesma altura que a calzada e diferenciada desta unicamente por unha raia amarela. Ao parecer non se poden colocar morróns (bolardos) nin outro sistema de separación similar por estar dentro do itinerario da ruta xacobea.
Na miña opinión esta situación é unha grande incongruencia porque precisamente por ser a rúa Deputación parte do Camiño de Santiago debería estar máis protexida a zona establecida para os peóns, xa que é o lugar por onde pasan centos de peregrinos, sobre todo durante a primavera e o verán aínda que tamén veñen algúns no resto do ano.
Pero o máis grave é que nunha rúa destas características vemos continuamente como circulan coches a grandes velocidades, como se fose un circuíto de rallys. E, por se isto fose pouco, algúns pasan en sentido contrario ao permitido con demasiada frecuencia.
Afortunadamente non houbo que lamentar ningún accidente grave de momento. Pero se isto segue así e ninguén fai nada por arranxar esta situación o sinistro pode producirse calquera día. E as vítimas podemos ser os residentes na rúa, outros veciños, persoas que estean de visita en Ribadeo ou incluso peregrinos.
Se desgraciadamente algún día ocorre un accidente causado por un dos turismos que pasan a gran velocidade e os afectados son algúns dos que camiñan cara a Santiago para gañar o xubileu o suceso terá máis repercusión e seguramente se tomarán medidas dalgún tipo para mellorar a seguridade dos viandantes nesta rúa. Pero creo que os veciños de Ribadeo tamén temos dereito a transitar por ela sen o temor constante a ser atropelados en calquera momento.

No hay comentarios: