24/3/14

CORRUPTOS, DROGADICTOS E POLÍTICOS

Este é o texto dun artigo de opinión que acabo de enviar a varios medios de comunicación da Mariña e que xa está publicado nalgún:
 
A min cos corruptos pásame como cos  drogadictos: non teño moi claro a quen hai que incluír nesas definicións. Porque hai moitos tipos de corrupcións igual que hai moitas clases de drogas, algunhas delas legais e incluso ben vistas pola sociedade.
Moita xente cando fala de corrupción refírese exclusivamente á que cometen algúns políticos, pero esquécese de que desa mala conduta tamén son protagonistas algunhas veces funcionarios, empresarios, médicos, avogados, traballadores autónomos, empregados por conta allea, xubilados, desempregados e outros cidadáns. Para min os políticos non son un colectivo diferente a calquera outro: hainos bos, regulares e malos.
Pola miña profesión nos últimos 26 anos tiven a sorte ou a desgraza (depende dos casos e das circunstancias) de relacionarme con moitos políticos e creo que a maioría son xente honrada, polo menos tanto como as persoas que pertencen a outros colectivos.
É certo que algúns deles teñen un status e uns ingresos que nunca lograrían se non estivesen na política, pero aínda que chamen moito a atención son unha minoría. Sen embargo hai moitos, sobre todo no ámbito dos municipios pequenos (os responsables das executivas locais dos partidos e case todos os concelleiros), que non sacan ningún beneficio económico dese labor e incluso lles supón perder diñeiro polos gastos que pagan do seu peto. Coñezo a varios da Mariña que están nesa situación.
Con isto non quero dicir que debemos apiadarnos deles pois están aí porque queren, pero si creo que o seu papel debe ser recoñecido, igual que penso que ten que ser valorado o labor dos que traballan para os demais noutros ámbitos, como asociacións veciñais, clubs deportivos, comisións de festas e outros colectivos sen ánimo de lucro.
Por iso ese comentario, que cada vez se escoita máis, de que os políticos son todos corruptos e que están aí para beneficiarse dos seus cargos non me parece xusto, como tampouco me parece ben que se acuse a todos os que traballan en agrupacións como as comisións de festas de estar nelas para lucrarse, aínda que poida haber algúns que o fagan.

No hay comentarios: