26/8/14

LIBRO "A PRAIA DAS CATEDRAIS E AS SÚAS CONTORNAS"

Primeiro a elaboración (redacción e fotografía) do libro "A praia das Catedrais e as súas contornas" e despois a súa distribución e promoción ocupáronnos nos últimos meses boa parte do tempo que nos queda despois de facer a nosa labor diaria de gabinete de comunicación para varias institucións, empresas e colectivos. Por iso non estivemos presentes neste foro tanto Carmen Cruzado como eu dende hai demasiado tempo.
Pero o esforzo está merecendo a pena, porque a publicación ten boa aceptación, grazas en boa parte á moita colaboración que estamos tendo para a súa difusión e comercialización por parte dos responsables dos establecementos onde está a venda e tamén polos colegas da maioría dos medios de comunicación da provincia lucense e do Occidente asturiano.
"A praia das Catedrais e as súas contornas" é unha publicación de 160 páxinas con outras tantas fotografías e textos (en galego e castelán) dedicados aos principais atractivos turísticos da provincia de Lugo, nun percorrido que empeza no famoso areal ribadense coñecido como As Catedrais e que remata nos Canóns do Sil. Está prologada pola prestixiosa xornalista viaxeira Esther Eiros e foi editada grazas á colaboración das institucións, empresas e colectivos que confiaron en nós cando lles presentamos este proxecto, que é unha realidade dende o 18 de xullo pasado. Ese foi o día que saíu da imprenta e nesa mesma xornada xa se puxo á venda na Feira do Libro de Ribadeo, na caseta da libraría ribadense Vivín. Cinco xornadas despois, o 23 de xullo, tivo lugar a súa presentación nun acto con moitos asistentes celebrado no Parador de Turismo de Ribadeo. O pasado día 16 deste mes de agosto Carmen e máis eu estivemos asinando exemplares na Feira do Libro de Viveiro, concretamente na caseta da libraría Lector Nobel, de Burela. E este venres, día 29, ás nove da noite presentarémolo na Feira do Libro de Foz.
Ademais neste tempo (pouco máis dun mes) logramos poñelo á venda nunha vintena de librarías e outros establecementos de A Mariña, Lugo e Monforte de Lemos.
Pero o traballo de promoción e comercialización do libro continúa e seguiremos contando como se desenvolve en vindeiras datas.

No hay comentarios: