8/7/15

MALETAS DE IDA E VOLTA

É duro, moi duro, ter que deixar aos teus, coller a maleta e uns cantos aforros, subirte a un barco e chegar a un país estraño a miles de quilómetros da túa xente, da túa familia, co único obxectivo de loitar, de traballar para ofrecerlles un futuro digno aos fillos nalgúns casos ou simplemente un cacho de pan que levarse á boca noutros. Foron moitos os nosos antepasados que decidiron dar ese paso a finais do século XIX ou mesmo a principios e mediados do XX. Uns fixeron fortuna e asentáronse en países coma Venezuela, Uruguai, Arxentina ou mesmo Cuba, pero non todos tiveron a mesma sorte. Os que puideron facelo volveron visitar os lugares que os viron nacer, as súas raíces e os lazos familiares que aínda seguen a ter nesta terra. Tamén os houbo que decidiron vir pasar os seus últimos días aquí para descansar a carón dos seus para sempre. Pero moitos nesa viaxe non correron a mesma sorte, atoparon traballos precarios e foron explotados, aínda que en moitos casos esa imaxe nunca chegou ás súas familias. Algúns ata se viron na obriga de finxir a historia dos seus “amos”, dos seus xefes, dos seus “señores”… e así ocultar as calamidades que nalgún momento tiveron que pasar. Só uns poucos decidiron retornar tal e como marcharon, cunha man diante e coa outra detrás. Tamén os houbo que viaxaron por Europa adiante. Foron a Suiza, a Francia, a Alemaña e aqueles que decidiron dar un salto aínda máis grande e chegar ata Australia. Todos, os que triunfaron e os que non puideron facelo, foron uns valentes, de aí que os admire profundamente ao igual que admiro e respecto a todas e cada unha das persoas que, chegadas desde infinidade de países do mundo, escolleron Ribadeo, A Mariña ou Galicia para buscar un futuro mellor, para loitar polos seus soños. Os que se foron hai un século, os que aínda o fan agora de aquí para aló e de aló para aquí teñen un denominador común: unha maleta chea de recordos e de ilusións, unha maleta de ida e volta… Desde este xornal, e con motivo da celebración do II Ribadeo Indiano, gustaríame renderlles homenaxe a todas esas persoas coas que cada día nos cruzamos pola rúa nesta vila de Ribadeo, porta norte de entrada a Galicia, chegadas dende Brasil, Portugal, Colombia, República Dominicana, Uruguai, Arxentina, Venezuela, Ecuador, Cuba, México, Romanía, Marrocos, Senegal,… e desde outros moitos puntos do mundo. Eles e elas, ao igual que os nosos antepasados, deixaron o que tiñan e quixeron buscar un futuro mellor para as súas familias. Algúns terano máis fácil, a outros seralles máis complicado, pero con esforzo, con dedicación e con entrega seguro que o poderán conseguir. Lembremos sempre que os ribadenses, e o resto dos galegos, tivemos e temos que emigrar e que aló onde cheguemos tamén seremos inmigrantes, tamén seremos estranxeiros, e a todos nos gustará que nos traten con cariño, con familiaridade, como si estivésemos na nosa casa, que nos axuden, que nos respecten e que nos entendan. A miña admiración e respecto a tod@s @s que tiveron e teñen que coller algún día esa maleta de ida e volta, sexa de onde sexa e vaian a onde vaian. Agora o que toca é gozar tod@s xunt@s co II Ribadeo Indiano!!!

No hay comentarios: