2/9/08

VARIOS ENCONTROS EN BURELA

Fomos onte a Burela para reunirnos co alcalde, Alfredo Llano, con quen comimos na Parrillada Don Chuletón. Antes tomamos un viño no Palacio de Cristal (agora está todo unido e ten o mesmo propietario, David) e puxéronnos unha impresionante (por grande e por sabrosa) tapa de paella. Na comida houbo chipiróns á prancha e xamón, de primeiros, que estaban bos. E de segundo eu comín ventresca de bonito, un plato que levaba moito tempo sen probar, e mereceu a pena. De postre flan, que tamén estaba bon. Nesta ocasión non nos atendeu Pepe, con quen falamos antes e despois de comer, pero a camarera que nos tocou tamén o fixo moi ben. Casualmente nunha mesa próxima estaban comendo a primeira tenente de alcalde, Neves Cando, con Miguel Vizoso (ex concelleiro do BNG en Burela, que agora é cociñeiro nun dos bos restaurantes de Lugo: O Figón). Falamos con eles, sobre todo de hostelería, antes e despois da comida.
O percorrido por Burela seguiu na cafetería Atrezzo. Estivemos tomando algo na terraza co alcalde, coa a sua muller (que xa a coñecíamos de vista porque traballa no centro de saúde de Ribadeo, pero non sabiamos que era a dona de Alfredo Llano), con Brais (do xornal El Progreso) e con Nebril (do dixital Crónica 3 A Mariña).
Despois visitamos a redacción de El Progreso en Burela, onde estaban traballando a tope, sobre todo Suso (o xefe de deportes), que confesou ser un dos lectores deste blog, o que nos anima a seguir adiante con esta aventura.
E rematamos o percorrido por Burela na casa de Rosa e Nebril e na súa vertixinosa terraza (no quinto piso) tertuliamos de asuntos varios, sobre todo de políticos e de medios de comunicación. Deixamos poucos títeres con cabeza e quedamos para outro día (para comer, por suposto).

No hay comentarios: