Esta fin de semana que está a piques de rematar pasámola en Lugo, onde se celebran as festas de San Froilán, nas que participan milleiros de persoas. As rúas están ateigadas de xente e de coches, como puidemos comprobar, e sufrir, onte e hoxe.
Pero na capital da provincia tamén houbo outras cousas, como o partido de baloncesto entre os dous equipos galegos máis importantes na actualidade: o Breogán e o Rosalía, de Santiago.
Foi un partido moi raro, no que os lucenses chegaron a ter máis de vinte puntos de vantaxe e ó final gañaron de dous de milagro, porque os composteláns fallaron un tiro de tres no último segundo. Os árbitros pitaron mal, perxudicaron ó Breogán nalgunhas decisións importantes nos últimos minutos, pero tamén quedou claro que os de Paco García (adestrador que se esforza máis montando o seu particular show e facendo declaracións ós medios de comunicación para dar lástima que preparando os partidos) defenden bastante mal e son máis blandos que o queixo do Cebreiro.
Despois do partido fomos ó concerto de Julieta Venegas con Nuria e María José. Tivemos a sorte de aparcar na única plaza libre que quedaba nese momento no parking do seminario, pero no recital había tanta xente que nos quedamos a un lado do escenario, onde o son chegaba mal e a Julieta vímola de refilón. Ademáis facía frío, polo que escoitamos un par de cancións e despois fomos cear a La Oca, onde nos tiñan reservada unha boa mesa. Eu comín un impresionanente bacallau (no punto de sal que a min me gusta) con témpura de verduras e bebimos a insuperable sangría que fan no restaurante coa carta máis ampla que coñezo.
E hoxe máis aglomeracións de xente polas rúas de Lugo, onde parecía que estaba a metade da poboación de Galicia, entre eles varios persoeiros. Pero diso ocuparase Carmen.
5/10/08
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario