12/4/09

INTENSA SEMANA GASTRONÓMICA

A Semana Santa, que acaba hoxe e rematan tamén as miñas vacacións, foi moi intensa no aspecto gastronómico, como xa avanzou Carmen nas entradas anteriores.
Empezamos xa o venres anterior (o día 3) con unha comida no ribadense restaurante San Miguel, onde probamos por segunda vez a espectacular fideuá que fai José Ramón e, de segundo, parrillada de peixe, para rematar con un surtido de postres (caseiros, aínda que algúns non o parecían) moi ricos.
O día seguinte, sábado, ceamos en Lugo, concretamente en Casa Paco, e merece a pena salientar o xamón ibérico (moi ben cortado), e o bonito (que non sei de onde o sacan nesta época do ano) con verduras, que estaba moi xugoso.
O domingo seguimos co noso particular percorrido gastronómico, nesta ocasión no Tranvía, de Ribadeo, que ese día tiña nas suxerencias delicias de polo con salsas moras (non de moras, que é diferente). Gustounos ese plato, pero non saímos tan contentos como noutras ocasións desa cea no restaurante da rúa San Roque, porque o pulpo e a tortilla non estaban tan ben como outras veces e o servizo tampouco.
Despois de dous días de descanso o mércores desprazámonos a Burela e a Cervo. Primeiro tomamos unhas riquísimas tapas (pulpo á vinagreta e patacas á rioxana) no Vista Alegre e despois comemos no Almacén, onde a merluza á galega estaba espectacular.
O Xoves Santo ceamos nun restaurante ribadense no que nos sentimos case como na casa, A Dorada, e nesta ocasión comemos unhas impresionantes cocochas de merluza con ameixas e, de segundo, eu tomei un tremendo secreto de porco.
O Venres Santo viaxamos a Lugo e ceamos en La Oca un riquísimo arroz caldoso que lle chaman do pescador.
Onte, sábado, o noso percorrido gastronómico da Semana Santa levounos o único establecemento novo (para nós) no que comemos estes días: o restaurante do hotel balneario Río Pambre, en Palas de Rei, que merece un comentario propio, pero xa adianto que é un establecemento moi interesante.
E hoxe, domingo, rematamos como empezamos, comendo a fideuá do San Miguel, pero nesta ocasión foi na casa dos meus pais, ós que lles encantou este plato, que nunca probaran antes.

No hay comentarios: