25/5/09

A PLANTA FASHION DO TEMPO

Xa estivéramos un par de veces no Tempo, de Lugo, pero na planta baixa, que é tipo italiano, e non nos entusiasmou. Pero o outro día decidímonos a probar no restaurante da primeira planta, do que nos dixeran que era caro, carísimo, pero non é para tanto. Cortámonos un pouco á hora de pedir platos fóra da carta por si nos daban un tremendo sablazo, pero os temores eran infundados.
De aperitivo, por cortesía da casa, puxéronnos unha espectacular tapa de crema de verduras con morcilla asturiana.
De primeiro, para compartir, tomamos uns impresionantes berberechos, que eran grandes e moi ricos, con unha ración moi abundante, o que nos sorprendeu bastante, porque esperábamos que o platos fosen escasos. Tamén compartimos un surtido de tomates, que levaba moitos tipos diferentes (creo que seis, eu non sabía que había tantos diferentes) e varios de cada, acompañados por catro anchoas, que estaban moi ricas e menos saladas do habitual.
De segundo eu tomei cochinillo, que non chega ó nivel dos que comín en Ávila nin dos da Casa do Merlo (en San Miguel de Reinante) pero estaba bon. Tamén probei o exquisito (e abundante) guiso de pescado e marisco, que comeu Carmen.
De postre escollín unha torrixa de viño, que estaba moi lograda, e bebimos un Ribeira Sacra que se chama Cabo do Mundo e unha auga noruega marca Voss.
Todo esto por 83 euros. Increible pero certo, porque o sitio é moi fashion (as camareiras tamén) e a atención é boa.
Desta primeira visita saquei a conclusión de que o restaurante Tempo é un local con glamour que está ben para darse unha homenaxe nalgunha ocasión especial, pero sin medo a arruinarse, porque os prezos non son escandalosos para un establecemento destas características.

No hay comentarios: