8/5/09

QUEIXO, PAN E VIÑO

Como case todo o que se fai en Ribadeo, a feira de queixo, pan e viño que houbo na pasada ponte do 1 de maio está sendo motivo de polémica. Eu visiteina e gustoume como estaba montada, aínda que o sábado a última hora da tarde había varios postos pechados.
Os organizadores (o Concello de Ribadeo e as Fundacións Comarcais da Mariña Oriental e Central) din que foi un éxito, porque houbo moitos visitantes e os expositores quedaron contentos, porque venderon moito. E o presidente da Asociación de Turismo Rural da Mariña, o cervense Manuel Vicente, di que a feira costou 50.000 euros e non serveu para traer máis turistas á zona. É posible que as dúas cousas sexan certas e o máis positivo desta polémica é que se abre un debate sobre o que se debe facer, ou non, para traer máis turistas á Mariña en tempada baixa.
Eu creo que debería poñerse a funcionar xa unha entidade (consorcio, patronato, asociación ou como queira chamarse) con representación de gobernantes das diferentes administracións e de empresarios dos sectores relacionados co turismo para decidir como se debe promocionar a zona, porque seguro que hai cousas que se están facendo ben e outras haberá que melloralas.

No hay comentarios: